De planta rectangular, nave con muros caleados, un oco en cada lateral e cubrición a dúas augas con dúas trabes tirantes.
O fronte é de pedra caliza, con porta en arco, óculo e espadana de dúas troneiras.
O presbiterio está na mesma liña da nave, máis elevado, cun arco triunfal de medio punto sobre pilastras con impostas saíntes, que ten a cuberta a catro augas, con ceo entaboado en catro planos.
Retablo renacentista, con tres fornelas e ático semicircular, catro columnas con decoración de rombos e zigzag no tercio inferior, acolle ás imaxes de Santiago peregrino (titular), do Anxo da Garda e da Virxe da Mercé.
A pía de bautizar posúe un anel protector de ferro, ten gallóns, base octogonal e unha inscrición gravada, ilexible por estar pegada ao muro.
Nos laterais hai dúas fornelas cun Santiago a cabalo e outro santo. Ademais, conta coa imaxe da Virxe con neno, que leva entre as mans un paxariño.
A ourivería de Pousada redúcese a unha copa de misar de prata cicelada.
Tamén é de destacar a capela da casa da torre de Basille, pequena, de 5 por 4,30, con acceso polo interior da casa, que posúe un retablo barroco con columnas de Salomón, que acalle unha talla da Inmaculada, do Barroco, cunha peaña de nubes, serpe con mazá e anxo.
Tamén na freguesía está a Capela do Salvador, na casa do mesmo nome. De 12,20 por 6,90; de traza neoclásica. Nave e presbiterio na mesma liña. Arco triunfal esvelto. Cúpula sobre anel que soporta o arco triunfal e tres formeros nos lenzos do presbiterio. Retablo de traza neoclásica, sen pintar, con Santo, Virxe do Carmen, O Salvado e outro Santo. Obra do século XVIII. Pia bautismal do ano 1721.