Fondo cabecera Concello de Baralla

Igrexa de San Miguel de Neira de Rei

Igrexa de San Miguel de Neira de Rei

A xulgar polo que queda do edificio primitivo, a igrexa de Neira de Rei foi un humilde exemplar de románico rural e traballaron nela mans expertas, como se aprecia na fina labra dalgúns elementos que se conservan.

A igrexa parroquial ergueuse sobre un castro, no que existiu unha fortaleza medieval da que se aproveitaron as ruínas para construír o actual templo, de orixe románico,século XIII.

A nave está cuberta a dúas augas, en lousa e con dúas trabes tirantes.

O fronte ten unha porta de acceso en arco de enormes doelas sen imposta. A espadana ten dúas troneiras e ático.
Ós laterais abríronse capelas, ás que se fai o acceso por medio de arcos de medio punto sobre pilastras e impostas, renacentistas, de granito. A capela da dereita vai cuberta con bóveda de canón, na que destaca un arco no testeiro, así como un amplo arco de acceso. A capela da esquerda é máis pequena, e tamén posúe bóveda de canón.

O máis interesante é o ábside románico da igrexa, ó que se accede por un arco triunfal da época renacentista, parello ós das capelas. Este espacio é máis reducido cá nave, posuíndo dous planos (un rectangular con teito abovedado en canón e outro semicircular, aínda máis pequeno, con teito abovedado). Polo seu fronte posterior recibe luz dunha fiestra en aspilleira, que leva por decoración unha moldura tórica arredor.

No centro da cabeceira, ábrese unha curiosa saeteira, formada por un arquiño de medio punto, que descansa directamente sobre baquetillas, en sustitución das clásicas columnas.

Os laterais reciben luz de senllas ventás. Polo interior destacan capiteis historiados con representacións humanas e animais, que fan de soporte a unha cornixa corrida. Polo exterior son de interese os canzorros que fan de apoio do tellaroz, con representacións de figuras de cuadrúpedos, aves, cabezas de carneiros e diversas figuras xeométricas; todo cuidadosamente esculpido.

Os retablos son populares, contendo, o maior, ó titular, san Miguel, a san Xosé e outro santo.
O lateral dereito posúe tallas de san Miguel, do XVIII e santo Antonio, mentres có esquerdo, barroco con columnas de traza salomónica, non posúe tallas.

Posúe San Miguel de Neira de Rei un coro alto, ós pés da nave, e unha pía de bautizar con gallóns.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baralla
Concello de Baralla
Avenida de Evaristo Correa Calderón N°48 – 27680 Baralla - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 363 303