A igrexa parroquial de Lebruxo fora ergueita derriba da croa dun castro (que polo sur tiña o cinto defensivo mediante unha elevación de terra, xa que ó norte a defensa era natural polo desnivel do terreo), no que se sitúa o adro-cemiterio, incluído nunha muralla semicircular e inserto na rotonda dese castro.
O estilo arquitectónico da igrexa é románico popular.
Posúe unha nave cuberta a dúas augas, con piso de madeira e, no teito, dúas trabes de sostemento.
O fronte descobre unha porta en arco sen impostas, diante da que se puxo un cabido levantado por cinco columnas monolíticas (con basas tóricas sobre dados e capiteis decorados con círculos -un deles acolle unha curiosa decoración de follas- que repousan nun podio corrido, que ó interior fai de asento) e cuberto a tres augas, ó nivel da nave. Enriba del está a espadana, dun único oco, tamén de arco románico, coroada por unha cruz.
O ábside tampouco presenta altura diferente á nave, e posúe dúas fiestras, unha no centro e outra no testeiro sur. Está cuberto a tres augas, e permite o acceso por un arco trunfal de medio punto, sen impostas, soportado por sinxelas pilastras.
O retablo é renacentista, popular e sinxelo, e acolle as imaxes do Salvador, representado con manto e cruz, que porta un libro; a lnmaculada, de tradición románica, e un tosco santo Cristo.