A igrexa de Laxes é unha sinxela peza rural cunha porta adintelada na que sobresaen dúas mochetas en bisel, e que vai coroada por unha espadana de dous ocos.
A nave da parroquial é a dúas augas, con dúas trabes de suxeción. O presbiterio, pola contra do que ocorre no resto de igrexas barallesas, vai na mesma liña de altura da nave, e a cuberta deste aínda é máis baixa. A sancristía está situada no testeiro norte da igrexa.
O presbiterio vai precedido dun arco triunfal en arista, rebaixado, con impostas saíntes e ceo en catro planos.
Posúe Laxes un cáliz de prata decorado con flores, e unha iconografía desenvolvida nun retablo sinxelo, que abarca a san Pedro, o titular, a santa Bárbara, a unha Virxe con neno e coroa de madeira e a un santo Antonio.