A igrexa parroquial de Guimarei posúe adro-cemiterio, e o seu fronte vai precedido de amplo cabido, rectangular, cuberto a tres augas por medio de pilastras e columnas. A porta é adintelada, e está coroada, pola liña do fronte, cunha espadana de dúas campás.
A nave, cuberta a dúas augas con tres trabes e tesoiras, contén, no testeiro norte, ó exterior, unha escaleira para subir á espadana, mentres que, no interior da nave arrinca unha escaleira de madeira que fai de acceso ó coro.
O presbiterio está cuberto a catro augas, e é máis elevado con relación á liña da nave. Posúe unha bóveda de canón corrida, truncada pola existencia dun arco triunfal en arista. apoiado sobre impostas de cuarto bocel e cana, estendidas no presbiterio mediante apoio de sinxelas pilastras. O presbiterio conduce á sancristía.
Polo exterior, a igrexa está rematada con cornixa de cavete.
Posúe tres retablos: o maior é moderno, mentres có lateral norte contén columnas salomónicas lisas e gorece ó titular, san Tomé a unha Virxe, a outra Virxe con peaña e relicario incrustado na basa; e o lateral sur contén un santo Antonio e unha mesa de misar de granito,do ano 1813. Tamén conta a igrexa con dúas tallas a maiores, outro santo Antonio e unha Virxe do Carme.
Ten, ademais, unha pía de auga bieita e unha interesante pía de bautizar, con releve humano recolleito entre cordas, cunha base de dúas testas de home con animal no medio.