Fondo cabecera Concello de Baralla

Igrexa de Santiago de Covas

Igrexa de Santiago de Covas

Igrexa parroquial románica, situada entre dous camiños veciñais con adro-cemiterio ó que se entra por unha escaleira granítica de tres chanzas.

A portada parroquial vai precedida dun cabido de cubrición a tres augas, cuberto con lousa sobre madeira cunha trabe tirante, que descansa sobre piares e tres columnas.

A planta parroquial posúe unha nave rectangular e un ábside semicircular.

O muro sur está coroado por dez modillóns, un de testa animal e os outros de decoración xeométrica, e un ventanal amplo, no lateral norte sitúanse seis modillóns, historiados, brazos dunha figura humana, cabeza de animal, rara figura con cornos e os outros con sinxelo ornato xeométrico

O fronte, totalmente reformado, posúe unha portada con arco de medio punto, sen impostas, cun óculo e cunha espadana que abre dous ocos.

No interior existe unha pía de auga bendita e unha pía bautismal con bordillos rectangular e tórico, de gallóns e pé circular con estrías.

O abside, semicircular, está, dividido en tres fragmentos por duas columnas semiadosadas, de plintos con cabezas humanas, basas tóricas. O arco triunfal está formado por dúas arquivoltas de aristas vivas, nas que a exterior vai apoiada no muro (por medio de impostas sen decoración) e a interior vai apoiada sobre semicolumnas, con plintos substituídos por podios compactos.

Respecto ós capiteis, dicir que os das columnas parcialmente adosadas son, o esquerdo, con colariño funicular, e o dereito labrado con bolas e o mesmo colariño. Os capiteis máis sobresaíntes son os profusamente decorados: dos que o do lado dereito posúe unha figura humana que abre a man á altura do peito ó exterior (polo lado esquerdo), elevando a man dereita en actitude de bendicir, con aureola de santidade e ampla túnica: mentres cós seus lados concorren dous animais que lle van lamber con linguas altamente sen forma. A imposta do capitel vai rematada por unha cenefa decorativa de entrelazados tipicamente románicos.

O capitel esquerdo representa un grupo de persoas (no centro) sobre un busto de anxo alado no que van apoiadas dúas pombas que comen de dous acios que penden dun talo (este de forma de dobre báculo). Encerrando a escena, dúas grandes bolas recollen a representación, e polas caras laterais do capitel unhas grandes árbores cheas de froitos rematan a decoración, o mesmo que na imposta, que leva talas que serpean por toda ela.

Asimesmo, polo semicírculo interno do ábside vai unha imposta lisa, que sinala o arrinque da bóveda de casca.

A luz que recibe o ábside vai marcada por unha fiestra en saeteira con arco románico e un amplo derrame.

Polo exterior da igrexa, o ábside vai dividido en tres cachos por dúas semicolumnas, como xa apuntamos, de plintos humanoides a xeito de poutas. Un dos capiteis exteriores vai labrado con decoración de bolas, mentres cá parella deste foi arrincado na restauración da parroquial, o que fixo que se revestise o saínte cunha faixa que sobresae á construcción, polo que a altura foi elevada. A semicolumna vai tronzada polo colariño, que reproduce o clásico románico trenzado funicular.

Os retablos son, o maior, moi sinxelo, con catro caras de anxos (encerra un Santiago peregrino, unha lnmaculada, un san Brais e un sagrario popular que leva gravado cara fóra un Santiago peregrino, todo isto enmarcado por catro columnas nos laterais, un anxo grande por lado e seis máis pequenos, do século XVI; e os laterais, o dereito, barroco con columnas salomónicas de acios que posúe unha Virxe do Rosario de vestir, e o esquerdo, semellante á parella pero cun santo Antonio do século XVII.

Polo tocante á ourivería, posúe Covas un copón de prata cicelada, que leva decoración floral e franxas na base, do XVIII, e outro copón liso.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baralla
Concello de Baralla
Avenida de Evaristo Correa Calderón N°48 – 27680 Baralla - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 363 303