A igrexa parroquial de Berselos confire historicamente unha grande relevancia poboacional a esta parroquia na Idade Media, ben pola súa igrexa, de traza puramente románica.
Trátase dunha singular peza do románico galego, no que a nave, rectangular e de piso de madeira, ten unha cubrición a dúas augas, con laxas de lousa colocadas sobre unha estructura de madeira, da que tres trabes soportan o teito.
Característica deste románico é tamén o seu ábside semicircular, cuberto con bóveda de casca, que arrinca dunha sinxela imposta.
A fábrica da igrexa é de cachotería, agás as partes nobres da edificación, na que se abre paso o excelente arco trunfal inscrito no formante do muro, ámbolos dous de sección rectangular. O segundo está descansando na xambaxe da igrexa pola pequena imposta que serpea ata a parede de división.
No muro que serve de separación co ábside mais nos muros testeiros, ábrense saeteiras, mentres ca no muro da esquerda ábrese unha porta de arco de medio punto polo interior e adintelado polo exterior (onde saen ménsulas de moldura de nacela e xambas sen acanalar, isto é, que imita dúas mochetas lisas nos seus arranques esquerdo e dereito).
Derriba da porta desenvólvese un longo ventanal en aspilleira con derrame interior, e ós lados deste colocáronse dúas ménsulas cara fóra, o que sinala a existencia nos comezos de uso da parroquial dun alboio exterior.
O muro está coroado por unha cornixa soportada por modillóns de moldura de nacela e un, ó centro, de cuarto de bocel, mentres cá cornixa do muro lateral S., no que se descubre un ventanal de aspilleira, é corrida con modillóns iguais de moldura de nacela. O modillón frontal. en nacela, volve en forma de bola.
O ábside é semicircular, e máis baixo e de menor tamaño ó da nave. Posúe dous ventanais en saeteira, con comixa de modillóns semellantes ós da nave.
Contén un arco triunfal, xa referido, sobre o que se abre unha ventá en saeteira, no que a imposta corrida comeza o arrinque da bóveda de cuarto de laranxa ou casca.
Ten Berselos un retablo maior do XVII, cun corpo de tres fornelas, coroadas mediante arco a central e por frontón as dos lados. no que se desenvolven catro columnas en parellas (as de fóra decoradas no tercio inferior con rombos e rosas e pola parte alta con estrías quebradas, mentres cás interiores posúen estrías helicoidales nos seus tercios inferiores), todas rematadas en capiteis de forma corintia. que levan un ático en frontón.
A iconografía de Berselos conta cun san Martiño de Dumio caracterizado coma bispo, cunha santa Bárbara, cunha Inmaculada - todas do XVII -, mentres ca no retablo do testeiro dereito (da época neogótica) están presentes santa Tereixa e santo Antonio.
Ademais dun banco de madeira profusamente decorado con motivos naturais conta Berselos cun sinxelo cáliz de prata e boetas en relieves (das ánimas e santo Antonio), de madeira do país.
O máis relevante da igrexa de Berselos, é, sen lugar a dúbidas, o característico tímpano, en arco semicircular de dúas arquivoltas (recolleitas en ampla decoración formadas de gordos baquetóns), que vai inserto nun semicírculo de perlas.
As dúas arquivoltas están descansando en pares de columnas acodeladas e finas, mentres cá sección interna está decorada con rosetas semicirculares que, como poutas, acollen o propio baquetón. A separación das arquivoltas fíxose con escocia, e ó exterior pequenos arcos van cimbreando o tímpano. A parte máis externa del, coma diciamos, está profusamente enchida de vexetais, intentando volver á harmonía románica por medio de pretendidas volutas decorativas, para, case forra, mostrar unha forte moldura con acanalacións prototípicas da arte románica.
No interior das referidas arquivoltas está o tímpano propiamente dito, que acolle unha escena gravada sinxela e toscamente. No centro está o año sostendo coa súa pouta esquerda delanteira unha cruz, á man dereita vese unha planta que remata en flor de lis (quizais resaibo da influencia heráldica), mentres que, á man esquerda está, axeonllada, unha figura de persoa adulta cun neno de teta no colo. Na parte superior, unha man, enriba do año, descende de entre nubes en xeito de bendicir ó grupo da esquerda. lembrando, por isto, as representacións do primeiro cristianismo simbólico decorativo, que achaba nesta interpretación decorativa a idea da intervención de Deus, coma protector e redentor.
Este tímpano vai descansando en ménsulas de enorme sinxeleza que, asimesmo, van apoiándose en xambas sen acanalación, con arquivoltas de imposta de nacela, en dúas parellas de columnas con fustes monolíticos (o que dá forza e denota antigüidade) que posúen capiteis con estrías nos arranques de volutas en dous ordes (no par da dereita) ou enchidos de decoración (na esquerda), dos que tres levan cimacio con decoración xeométrica de tacos e estrías.
Na columna interna, colocada nun plinto cunha testa humana de xeito de pouta, está un pedestal no que aínda perdura a inscrición fundacional:
PELAGIUS FECIT OP,
que lembra que Paio fixera a obra (opus).
A devandita inscrición está partida no mesmo alzamento da columna, e antes do plinto, formando ángulo coa xamba da porta, en dous cachos, nos que a cara do fronte acolle a parte borrosa (CIT OP).
Enriba da porta frontal ábrese unha saeteira coroada por arquivolta de arista, cun saínte en moldura decorado en forma de billetes polo lateral dereito, e en estrías helicoidales polo lado esquerdo. Este conxunto vai posto sobre impostas sinxelas e rudimentarias, con columnas acovadilladas de fustes monolíticos, como xa salientamos.
Baixo o campanil de único van obsérvase a existencia de dúas ménsulas que indican a antiga existencia dun teito pola cara de fóra do fronte.
A correlación desta igrexa con mestres e canteiros do románico é evidente.
Así podemos relacionala cos mestres de Penamaior e cos de Novelúa (Monterroso), únicos exemplos de templos que acollen a pegada do seu mestre de obras.
Tamén se relacionara coa obra de Boneth no palacio do arcebispo Xelmírez de Compostela. Así, López Ferreiro xunguira o baquetón externo de Berselos coas nervaduras da parte transversal da bóveda da capela de baixo do palacio de Xelmírez, por mor dos asuntos gravados nas ménsulas que serven de apoio á nervadura, obras realizadas no pontificado do arcebispo don Juan Arias (1238-1266). no que o mencionado Pero Boneth era mestre de obras da sé compostelana por 1250.
Por todo o antedito hai que salientar, por último, que a data de construcción da igrexa de San Martiño de Berselos remóntase cara a 1280-1310.