Fondo cabecera Concello de Baralla
Inicio » Turismo » Historia

Via Romana XIX

Vías Romanas

A romanización no noso Concello tivo que ser un fenómeno importante por pasar por aquí a vía que unía Lugo con Astorga.

Temos que pensar que falamos de vías romanas principais de 6 a 10 metros de anchura destinadas ao tránsito de carros cunha coidada elaboración que incluía cunetas de drenaxe, valores de pendente suaves (preferían alongar o trazado), feitas con cantos e buscando sempre, no caso de montañas, as ladeiras máis accesibles e soleadas. O paso dunha vía deste tipo supoñía un ¿plus¿ de importancia para calquera lugar.

A calzada de Braga a Astorga "per loca marítima" por aquí pasaba, segundo se deduce, amais de por indicios arqueolóxicos, do reflectido no "Itinerario de Antonino", a principal fonte para coñecermos os trazados das vías romanas da Península.

O Itinerario Antonino afirma literalmente:

"Itinera a Bracara Asturicam: Luco augusti mpm XIII, Timalino mpm XXII, Ponte Neviae mpm XII. Item per loca marítima á Bracara Asturicam: Luco Augusti mpm XVII, Timalino mpm XII, Ponte Neviae mpm XII".

Esta Vía XX "pola costa" sairía de Braga, cruzaría o Miño en Tui, seguiría cara ó Norte ata Brigantium ou un lugar cercano, e desde alí tomaría dirección Este cara a Lucus e de alí continuaría ata Asturica.
Entre Lugo e Astorga, as mansións do Itinerario de Antonio Pio e o seu probable emprazamento serían (segundo Arias Vilas):

Luco Augusti-----------m.p. XVII
Timalino/ Talamine------m.p. XXII
Ponte Neviae/ Navia----m.p. XII
Uttaris------------------m.p. XX
Bergido-----------------m.p.XVI
Asturica-----------------m.p. L

Timalino estaría entre Lugo e esa Ponte do Navia, con toda seguridade dentro do Concello de Baralla, pero a situación exacta non está definitivamente establecida.

O trazado real deste tramo de Lucus a Astúrica está mal documentado e peor estudiado sobre o terreo, e aínda que segundo algúns estudiosos seguramente non iría moi afastado do Camiño Real de Carlos III, (construído polo enxeñeiro Carlos Lemaur, quen afirmaba ser un gran coñecedor e descubridor da antigua vía militar romana), non temos seguridade do emprazamento exacto de Timalino.

José Villa-Amil e Castro opina: "Marca o Itinerario, como arriba queda consignado, o pobo ou mansion Timalinum á XXII millas de Lucus con dirección á Asturica (hoxe Astorga), o que nos dá a coñecer que estaba situado ao oriente de Lugo; único dato que, en unión coa distancia que marca o Itinerario, temos para marcar a súa situación. Xeralmente asignouse ata agora como o punto en que estivo esta mansión o lugar de Villartelin no val de Neira de Xusá entre Lugo e As Nogais, onde se atoparon restos da vía romana; pero agora redúcese con máis probabilidade á un lugar algo distante deste, á media legua ao oriente de Baralla [Constantin].

Zurita e outros varios autores sospeitaron que esta cidade é a mesma que marca Tolomeo na rexión dos Seurros, á 8º 30´ de lonxitude e 44º con 30´ de latitud, co nome de Talamina, por efecto dunha das metátesis frecuentes neste xeográfo.

O Padre Risco conta as mesmas 22 millas de Lugo cara a Astorga, e calcula que Talamina "é moi verosímil que os seus vestixios se conserven no que hoxe se chama Villartelin, onde hai restos da vía militar¿.

Javier Gómez Vila, doutor en arqueoloxía e historia antiga escribiu un artigo no Diario el Progreso (28.05.2006) no que di que o camiño estaría ben sinalizado na época, con miliarios, que servían tanto para indicar as distancias como para facer propaganda do emperador que os mandou construír. Di este estudioso que este camiño foi destruído polo Camiño Real de Acceso a Galicia de 1762. Para o noso concello, este arqueólogo da o seguinte itinerario: unha vez cruzado o lugar de San Esteban e o Castro de Sobrado, a vía chega a Villachambre onde xira bruscamente para salvar o abrupto val que se abre entre os montes de Ferreiros e Rañadoiro. O descenso realízao despois de bordear o impoñente castro de Ferreiros a través dun trazado en zig-zag moi típico das calzadas romanas. Cruza o río de Villachambre por unha pequena ponte de pedra e inicia unha lixeira subida cara ao lugar de Arroxo a través dunha magnifica calzada moi ben conservada na actualidade. Tanto o camiño real como o medieval despois de atravesar Baralla bordeaban a serra de Constantin pola vertente sur, pero o romano vai máis ao norte, polo monte Rañadoiro e a Condomiña. Será precisamente neste último lugar onde se localice outro deses hoteis de estrada romanos, a mansión de Timalino. Abandona esta zona pola ponte dos Mazos e Furco.

No contexto da Semana de Estudios Históricos, outros estudiosos como o arqueólogo Ruben Alvarez Asorey, prantexouse como posible itinerario desta vía o seguinte: desde Tórdea (no Corgo) a Miranda, Mirandela, Furís e desde ai entraría no noso Concello por A Barrosa recorrendo o val de Neira de Rei ata Furco. Probablemente non pasaría polos mazos senón que seguiría un trazado máis recto. Abunda esta teoría o achádego dunha Ara en Papin (na Pena).

Evidentemente só con axeitadas prospeccións arqueolóxicas se poderá algún día avanzar no coñecemento destes aspectos.

Pardo de Neira aventura o seguinte trazado "esta vía cara a Timalino saía da civitas lucense pola porta toledana -tamén chamada Porta de San Pedro- cara a Santa María de Bóveda e San Lourenzo de Recimil, de onde ía a Arxemil, cruzando o río Chamoso e San Miguel de Pedrafita, Pedradereita, o río Tórdea, Santa Cruz do Picato, o lanzal do castro de Sobrado, Vilartelín e Timalino, co que de novo demostramos que as XXII milias que separaban lonxitudinalmente Lucus e Timalinum correspóndense cos máis de trinta e dous quilómetros que unen a actual Lugo e o emprazamento de Timalino".

Á falta, como se dixo ata aquí, de rastro seguro do trazado sobre o terreo desta Calzada romana, tense relacionado con ela a ponte do Mazos,pero hoxe considérase unha construcción medieval.

Quizais a ponte de Covas si teña unha orixe romana, pero neste caso pertencería a un ramal ou atallo da Vía XX (foi tamén esta ponte parte dun atallo ou ramal do Camiño Francés a Compostela).

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baralla
Ayuntamiento de Baralla
Avenida de Evaristo Correa Calderón N°48 – 27680 Baralla - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 363 303