Fondo cabecera Concello de Baralla
Inicio » Turismo » Festexos

San Vitorio

Temos por padroeiro a un mártir romano. A historia conta que sendo emperadores Diocleciano e Maximiano, foron acusados por Herodes e Acacio, diante do presidente Culciano, San Vitorio e dezaseis compañeiros, entre os que estaba ó soldado Leoro e os cregos Cinón, Ammón e Serapio.

Todos eles foron acusados de ser cristiáns e de non gardar os preceptos imperiais, xa que non querían dar culto ós deuses. Chamaron a Culciano impío e tirano. Pero este non desexaba darlles a satisfacción de que morresen no martirio, e pediulles que se achegasen ó altar e desen sacrificios aos deuses inmortais, de xeito que así agradarían ó César e os enchería de honras e riquezas.

Pero a pesar do ofrecemento, San Vitorio resposta que os cristiáns só coñecían e tiñan por Deus a aquel que fixo o ceo e o mar, e todo o que contén, aquel que era todopoderoso para libralos da súa loucura e da malicia do demo que era o seu pai; eles negábanse a dar culto ós demos, porque de facelo, sería unha inxuria para o creador.

Presos, con argolas de ferro nos colares, atados de pés e mans, Culciano dispuxo co día 27 de agosto os botaran ás feras e ás bestas para que os escachizaran e os comeran. Aquel día intentou convencelos de novo, sen resultado. Alporizado deu orde de que os botasen ás feras.

Primeiro ceibáronlles catro osos, que se achegaron ós santos e en lugar de atacalos, lambíanos. Entón mandou acender unha fogueira para queimalos, pero o lume non lles fixo ningún dano. Puxéronse a rezar, e Culciano para acabar con eles ordenou que os degolasen e que despois queimasen os corpos para que non quedasen nin as reliquias. Pero como Deus fai milagres, as reliquias quedaron, e foron recolleitas polo presbítero Juliano que as entregou á diaconisa Icticia .

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baralla
Concello de Baralla
Avenida de Evaristo Correa Calderón N°48 – 27680 Baralla - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 363 303