Fondo cabecera Concello de Baralla

Escudo e bandeira

No DOG 76 do 18 de abril de 1996, publicouse o Decreto135/1996 do 29 de marzo polo que se aproban o escudo heráldico e a bandeira do Concello de Baralla.

O Concello de Baralla considerou conveniente adoptar o seu escudo heráldico e maila bandeira para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico.

O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

O citado decreto establece no seu articulado o seguinte:

Artigo primeiro.-Aprobar o escudo heráldico do Concello de Baralla, que quedará organizado do seguinte xeito: De azur, e sobre ondas de prata e azur, un caldeiro de ouro sumado dunha cruz do mesmo e acompañado de catro torres de prata, aclaradas de azur. Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo segundo.-Aprobar a bandeira do Concello de Baralla, que quedará organizada do seguinte xeito: Sobre pano azul, un caldeiro de amarelo, sumado dunha cruz do mesmo e acompañado de catro torres brancas dispostas nos cantóns.

Esta publicación remataba un proceso que se iniciaba coa aprobación no pleno extraordinario celebrado o día 28 de novembro de 1995, no que se adoptou o acordo de aprobar a proposta da Comisión de Heráldica.

A proposta da Comisión de Heráldica tivo en conta as circunstancias históricas e xeográficas do noso Concello.

O motivo fundamental no campo do escudo é unha alusión ao liñaxe dos Neira, importante e antiga estirpe que xurdiu dentro deste termo municipal e que no seu pasado histórico tivo unha presencia destacada. Xunto con esta primeira alusión considerouse oportuno recordar, tamén, o importante conxunto de torres, pazos e casas grandes que outras estirpes non menos destacadas que aquela levantaron en distintos puntos da xeografía municipal. Así, entre as que aínda se conservan, as casas e torres de Basille, Piñeira e Vilameixe, os pazos de Aranza, Espiña...

A tales motivos, xustificados e suficientemente expresivos por si solos, compre engadir como complemento unha alusión ao río Neira, que cruza de Norte a Sur o termo municipal.

O escudo e bandeira do Concello, organizáronse con esas representacións simples e expresivas a vez do seu pasado histórico e da súa realidade actual.Algo, suficientemente representativo e convenientemente sinxelo, fundamentais esixencias da mellor tradición heráldica.

Imaxes

Bandeira Escudo

Ver máis imaxes

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baralla
Concello de Baralla
Avenida de Evaristo Correa Calderón N°48 – 27680 Baralla - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 363 303