Fondo cabecera Concello de Baralla

Persoeiros

Manuel Valcárcel Santiso. Notable escultor, natural da Condomiña, que faleceu en Lugo o 7 de setembro de 1879.

José Bolaño Rivadeneira, avogado, naceu en Constantin en 1812 e morreu o 9 de febreiro de 1890. Foi un notable xurista que donou 6.000 pesetas para a creación e mantemento da Escola de Artes e Oficios da Deputación Provincial de Lugo, inaugurada un ano antes da súa morte. A súa única publicación titulase: "Folleto sobre foros y subforos, su redención y modo de registrar la titulación antigua y anterior a la ley hipotecaria" (Madrid 1787).

Asunción Correa (Florisel) A Pena 1896 ¿ Lugo 1951. Escritora. Na adolescencia tivo como preceptor a Antonio Couceiro Freijomil, destinado naqueles anos na Escola Superior Graduada de Lugo. Lectora infatigable entrou en contacto coas vangardas en Madrid a través do seu irmán Evaristo. Casou en 1921 co capitán de intendencia José Bonet Peñalver, pintor e home moi interesado pola cultura. A súa vida transcorreu na Galicia natal, so interrompida por unha estadia en 1932 en Madrid desde onde publicaría Estampas Castellanas.

De 1921 a 1934 e desde esta data ata 1941 en Lugo, con longas tempadas na Pena, pois viúva en 1938 puxo en explotación as súas fincas do Val de Neira de Rei.Santiago foi a nova residencia familiar cando os fillos empezaron os seus estudos universitarios.
A primeira colaboración literaria, un poema en prosa modernista, Cuento azul, viu a luz en 1917, no semanario infantil El Ideal que dirixía en Lugo o seu irmán Antonio. A autora asinou co pseudonimo ¿Florisel¿. Na década de 1930 publicou unha serie de Estampas e contos no xornal Vanguardia Gallega, de Lugo, propiedade da familia.Neses textos amosa unha prosa dinámica, áxil. De 1932 é o conto Mariquita (reimpreso en ¿La Noche¿ en 1947 e a breve e fermosa prosa poética dedicada á Coruña ¿La Ciudad del mar¿ (1933). Por esta época tamén cultivou a poesía. Durante a guerra civil abandonou a escritura, actividade que retomaría coa reimpresión de Mariquita.

A temática da súa producción ten uns referentes claros: Santiago e o Val de Neira de Rei que tanto amaba, e os campesiños e campesiñas que son obxecto de tratamento literario dos contos e poemas. Entre os inéditos que conserva a familia hai cadernos de borradores con villancicos, estampas, contos de ambiente rural ( La casa del ahorcado, Abel, Las exequias), poemas (Plaza, Jardines de Monjes, Cementerio, Camposanto, Amanecer, Las Nieves, Ventana Abierta, El Camino) e unha novela inacabada: Sagrario vidas humildes y sencillas.

Cándido González. As seguintes referencias sacámolas do pregón dado por Manuel María co gallo das festas do San Vitorio.

Cándido González Cando que naceu en Madrid en 1867, fillo de pais galegos. Morreu en Barcelona en 1916. O seu biógrafo Xerardo F. López deixou escrito que se fixo médico, profesión que nunca exerceu. Adicándose á literatura e ao xornalismo.

Colaborou nas máis importantes revistas e xornais da súa época. Foi chamado ¿El poeta de los cantares¿. No ano 1892 viviu unha tempada cos seus avós paternos na Casa de Méndez, na Pena, en Neira de Rei. Desta época son os seus poemas en galego, dos que destaca o titulado Neira de Rei, incluído por Carré Aldao, na súa famosa Literatura Galega.

Este poema contén os máis fermosos versos que se lle adicaron a esta terra. É o seguinte:

NEIRA DE REI

Non sei que sería, que tivo ese acerto,
non sei se iste é nome do tempo pasado
nin sei se isto é cousa dun xenio encantado.
¡Ningures mo dicen, de quen perguntei.!
Pero é nome posto cos cinco sentidos:
a terra cuberta de fruitas e froles,
a terra das nenas con cara de soles,
a terra encantada de Neira de Rei.

A nai que me quere naceu nesta terra
i ó pé dunha eiraxa, cal vellos creentes
descansan os corpos dos meus ascendentes:
¡de alí foi a nena que tanto chorei!

Nos anos primeiros da miña crianza
Correndo sin treguas polos soutos e prados;
subindo cerdeiras, saltando valados,
os tempos mellores da vida pasei.

Alí son as nenas xeitosas, garridas,
alí vin as caras máis lindas da terra,
o chao ten os puros prefumes da serra
i a paz dos patriarcas en ela atopei.

Os dolmes dos celtas i os castros dos mouros
ca ponte romana do Mazo, á mamoria
nos tran ós que rastros deixaron na Historia
i aquela terriña tivéronlle lei.
Por ela reñeron, en luitas de morte
legando seus aies ás augas do Neira,
que en tristes queixumes recorre a Riveira
en canto se aparta de Neira de Rei.

Que ten esta terra non podo sabelo,
que chora ó deixala quen pon os pés nela
i alábana todos que chegan a vela.
¡Que meiga de terra.! ¡Que ten non o sei!

Alí, vendo as augas de fontes e regos
do mundo as tristuras esquezo dorido.
¡E cuadrallo xeito seu nome garrido
a terra fidalga de Neira de Rei.!

Evaristo Correa. Fillo de Antonio Correa Fernández e de Filomena Calderón López, a casa familiar -brasonada con escudo á porta erguérase en 1850. A familia mantíñase en boa posición gracias ás propiedades do agro e ós oficios do pai como médico. Arredor de 1900 a familia aparece instalada en Lugo, Obispo Izquierdo 1, onde o noso autor fai os seus primeiros estudios.

Un aparte merece sen dúbida a figura de Antonio Correa Fernández autor e polígrafo que levou adiante empresas de moi distinto orde e ao que dedicamos outro lugar nesta páxina.

Orfo ós oito anos, os comezos do noso autor foron precoces, como veremos aos dezaseis anos colabora xa en La Idea Moderna, onde o fixera o seu pai.

En 1917 marcha a Madrid onde inicia estudios en Filosofía e Letras na Universidade Central, estudios que non chega a rematar, nesas aulas coincide co poeta Luís Amado Carballo. Aloxarase na Residencia de Estudiantes onde entra en contacto con Juan Ramón Jiménez. Durante esta etapa madrileña convive con outros residentes como os lugueses Carlos e José Vazquez Fernández Pimentel -irmáns do poeta- ou co Luís Buñuel mozo que entra no mesmo curso de 1917. Nestes anos coinciden na institución moitos outros mozos que serán protagonistas do clima intelectual do primeiro tercio de século. Na cidade tamén trabou coñecemento de José Ortega y Gasset por medio de Ramón Méndez y Castro Jato, maxistrado do Tribunal Supremo e secretario particular de Ortega, de ideas rexionalistas, que era natural de O Corgo. Son os anos de aprendizaxe cando prende nel a chama nacionalista. Comeza a colaborar na prensa e nas revistas da época: El sol, Hoy, revistas de ultraísmo ¿ Los Quijotes, Cervantes, Grecia ¿ ou as de arte; La Esfera e la Ilustración Española y Americana.

De volta a Lugo nas vacacións vémolo na primeira Asamblea Nacionalista. Desde este momento empeza unha intensa colaboración nos medios nacionalistas, fundamentalmente en A Nosa Terra. Moi probablemente polo impulso do director de La Idea Moderna, o Correa mozo funda a Irmandade da Fala de Lugo, de efémera vida.
De 1919-1920 é a creación do grupo Xuventude Céltiga en Madrid, impulsada dende Ourense por Vicente Risco.

En 1924 volta á casa familiar -do ambiente cultural galego nunca estivera desconectado- onde promove Ronsel e descobre ó Luís PimenteI poeta. Pero tamén a Xesús Bal, ao musicólogo, ao daquela pintor Angel Johán e a Álvaro Gil, o namorado da arte.

Cursa a carreira de Filosofía e Letras, sección Historia, en Santiago de Compostela e logra levala adiante nun ano.

Nestes anos prodúcese un progresivo distanciamento das irmandades e en xeral da praxe nacionalista, interesándose polo traballo do Seminario de Estudios Galegos no que ingresa en 1925.

Volta a Madrid e no curso 1927-1928 marcha a Toulouse como lector de Español. Alí Correa Calderón lecciona na cátedra de Lingua e Literatura Española da École de Commerce e na de Lingua Española da École d´Instituteurs onde ao ano seguinte o fará Luis Cernuda. En Toulouse coñece e colabora con Marcel Bataillon.

Desde aquí desprázase con certa frecuencia a París onde coñece no café de Montparnasse ós surrealistas André Breton e Louis Aragon. En Toulouse, Evaristo Correa Calderán codirixe, así o afirma, a revista Transit co que logo será cineasta André Cayatte. Nesta publicación traduce poemas de Gerardo Diego, poeta moi apreciado polos novos, aparece ¿Femme du pain¿ -traducción de Auguste Deltour de ¿A perdida¿- e o traballo sobre poesía española contemporánea ¿La poesie espagnole d'aujourd'hui¿, que só viu a luz na súa primeira parte.

En 1930 imparte un curso de Literatura Española na Universidade de Bucarest.
Polas mesmas datas -30 de novembro de 1931- aparece na cidade o Instituto de Cultura Gallega de Lugo, que tentaba promocionar o local e o galego no campo da cultura. Salustiano Carro Crespo era o seu presidente, Evaristo Correa Calderón o vicepresidente. Unha experiencia pioneira no cineclubismo foi o grupo Ars que se reunía no Círculo das Artes de Lugo. Este interese polo cinema na cidade luguesa terá o seu reflexo no xornal Vanguardia Gallega.

A década dos trinta marca unha inflexión na súa vida. Alónxase paseniñamente do galeguismo, non voltando a escribir na nosa lingua pero si sobre tema galego.
Casa en 1934 en Madrid con María de la Asunción de Polanco y Drake de la Cerda y Redondo ¿ de orixe aristócrata - coa que ten a súa única filla, Asunción. A súa dona morre tres anos máis tarde víctima dunha estraña enfermidade.

No verán do 36 atópase de volta en Lugo nunhas vacacións -impartía a docencia en Almería- das que xa non poderá reincorporarse. Acólleo entón José Filgueira Valverde e habilítase unha praza de profesor de Lingua Portuguesa no instituto lugués, a primeira na historia do noso ensino.

O papel desenvolto polos irmáns Correa Calderón -sobre todo Evaristo e Juan Antonio- neses primeiros anos foi dunha gran dimensión pública.

O máis novo afiliouse á Falanxe luguesa en 1935 e Evaristo ó ano seguinte. O xornal católico La Voz de la Verdad cóntanos que nos funerais polo comandante Manso, celebrados no 36, o representante da Falanxe era Juan Antonio Correa Calderón. Nun cerimonial de erguemento de bandeira ocorrido o 18 de agosto dese ano aparece tamén como representante dese grupo e o 17 de setembro é o xefe local do movemento e como tal desenvolve o seu papel nos funerais por Cedrón del Valle, ao que sucede no cargo. Evaristo Correa Calderón, profesor no instituto de Lugo nos cursos 1936-37 e 1937-38, dá clases de Lingua e Literatura portuguesa despois de ser proposto para o cargo o 16 de outubro do 36. Foi nomeado dez días despois «profesor provisional e meritorio logo de presentar como traballo de acceso a traducción da novela de Norberto de Araujo Amor humilde, publicada logo en Ediciones Oriente de Madrid, en data descoñecida. Afiliado no 36 á Falanxe, compartiu as clases no instituto co cargo de xefe local de Prensa e Propaganda á vez que redactor-xefe de Azul, revista falangista de pedagoxía, continuadora de Vida Escolar. Ademais foi nomeado xefe de estranxeiría no Gobemo Civil lugués.Os irmáns Correa Calderón deixan os seus postos dirixentes na Falanxe en 1937. No caso de Evaristo, a lealdade ó movemento é total neste primeiros anos. Colabora no fastoso Laureados de España (1939), primeiro monumento da estética fascista en España, con «Honra del bien morir» en compaña de Gerardo Diego, Camilo J. Cela, Carlos Martínez Barbeito, Ernesto Giménez Caballero ou Manuel Machado.
En 1944 contrae navamente matrimonio con María Luisa Maldonado y Alvarado, terceira marquesa de Trives e sétima de Castellanos.

Morre Evaristo Correa Calderón na Póboa de Trives, en Ourense, en 1986.

Antonio Correa. Licénciase en Santiago de Compostela en 1888 e obtén o grao de doutor ó ano seguinte co traballo Hospitalización de los tísicos o tuberculosos pulmonares (1890) publicada por El Siglo Médico e que constitúe un avance na época.
A maiores dos seus traballos no campo médico nos que sobresaen algúns títulos que nos dan a medida dos seus múltiples intereses: ocupase asemade de temas relacionados coa literatura en Las ciencias médicas en tiempo de D. Miguel de Cervantes (1905) e no folletín La Idea Moderna,La poesía popular en Galicia. Colección de cantares en variedad de metros (1907).

Xa en 1887 adéntrase na narrativa coa novela Los contrastes de la vida publicada por entregas no xornal El Lucense, do que era asiduo colaborador.

Foi o fundador e director do semanario El Monitor: Defensor de los intereses generales y locales de la región oriental de la provincia de Lugo y sus limítrofes que aparece en 1900 en Becerreá para defender os intereses comarcais e só se mantera do 13 de xaneiro ó 17 de decembro dese ano.

En Historia fin de Siglo (1902), traza unha xeografía e historia de Lugo e as biografías dos seus persoeiros por aquel tempo.

O seu perfil é o dun activo home fin de século que compatibiliza as súas fondas crenzas relixiosas co saber científico e incluso ten azos de reformista nas súas empresas: o xornalismo, a posta en marcha do balneario de Guitiriz, o interese polas explotacións mineiras e o ferrocarril, etc. Este caracter entre a tradición e a modernidade, o espíritu da aventura e a reforma deixa a súa pegada en Evaristo Correa Calderón.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Baralla
Concello de Baralla
Avenida de Evaristo Correa Calderón N°48 – 27680 Baralla - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 363 303